Caio Plinio, no século I a.C., fala dos Cáporos, poboadores do interfluvio Tambre-Ulla de Arzúa; no século II da nosa era, Ptolomeo menciona na súa Xeografía (capítulo 6, táboa II) o lugar de Araduca, poboado por galaicos brácaros, o que algúns estudosos identifican como a cidade celta de Arzúa. Tamén Antonino Caracalla, no seu Itinerario, menciona esta vila e a mansión de Brevis (que segundo algúns tratadistas pode coincidir coa actual Arzúa, no traxecto da vía XIX de Braga a Astorga.
No Códice Calixtino cítase a parroquia arzuana de Castañeda (Castaniolla), lugar no que se atopaban os fornos de cal para a construción da catedral compostelá, pero ademais, nese mesmo documento, fálase de Vilanova, nome co que daquela se designaba a vila de Arzúa.
Durante o período de maior efervescencia xacobea, Arzúa converteuse en señorío do arcebispado compostelán que lle concedía foros e dereitos que administraba directamente o concello arzuán. A mediados do século XIV a vila foi amurallada, tal como podemos ver nos antigos foros "por privilexio que ouvieran de los arzobispos Don Beringuel e Don Pedro para faser la cerquia".
Arzúa tivo unha grande importancia durante as loitas entre liberais e realistas no século XIX. Leváronse a cabo nas súas terras diversas accións, dende 1822, co ánimo de restaurar o absolutismo monárquico. Os principais activistas foron os Voluntarios Realistas da Mota capitaneados dende Guntín (Lugo) por Xosé Ramos. Nese mesmo período a vila foi o escenario no que o crego Santiago Pastoriza pronunciou o seu sermón na bendición da bandeira dos Voluntarios Realistas (1831). Logo daquel fito realista os constitucionais derrubaron a torre da antiga igrexa e asasinaron preto de Boimorto a Antonio López, xefe dos carlistas.
Arzúa converteuse en concello coa extensión e a composición parroquial que hoxe a forman en 1836. En 1820, coa configuración dos primeiros municipios constitucionais o que actualmente é Arzúa aparecía dividido en tres concellos: Boente, Pantiñobre e Arzúa. Pero coa volta ao trono de Fernando VII, en 1823, grazas á colaboración dos Cen Mil Fillos de San Luís e a restauración do Absolutismo, estas entidades municipais desapareceron.
Fonte: Concello de Arzúa
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Moitas grazas pola túa participación!